
Dúas andainas, un mesmo club
A historia do C.B. Baixo Miño Basket nace dunha forma moi sinxela, dun grupo de pais e nais vendo como os seus fillos e fillas buscaban calquera oportunidade para xogar ao baloncesto.
Xogaban no colexio, nos parques… e daquela afección foi xurdindo unha pregunta: por que non crear no Baixo Miño un espazo no que puidesen aprender e practicar baloncesto de forma organizada?
A primeira pedra púxoa Pili Abuín. Pouco despois sumáronse Fernando Román, Montse Mariño e Jose Collazo, acompañados por un pequeno grupo de voluntarios que axudaron a poñer en marcha o proxecto.
Así comezou a historia do BMB.
2016: os primeiros adestramentos
Os primeiros pasos déronse en 2016, aínda de xeito informal.
Comezaron os adestramentos no pavillón do IES A Sangriña, inicialmente cunha adestradora contratada polo club. Era unha primeira toma de contacto, nun momento no que practicamente todo estaba por construír.
Pouco despois chegaron Dordi e Javi Niño, cedidos polo C.B. Tui, que axudaron enormemente ao BMB nos seus primeiros pasos e convertéronse en dúas das figuras máis importantes daquela etapa como adestradores.
O proxecto comezaba a tomar forma.
2017: nace oficialmente o C.B. Baixo Miño Basket
Aquela experiencia iniciada en 2016 deu paso, en 2017, á constitución oficial do club.
A primeira experiencia competitiva chegou a través da liga Basketgal, entón impulsada por Kopy e Rosi, desde Vigo. O obxectivo dos seus fundadores estaba claro desde o principio: consolidar un club de baloncesto e facelo crecer na comarca do Baixo Miño.
A primeira Xunta Directiva estivo formada por Fernando Román, Pili Abuín, Montse Mariño e Jose Collazo. Posteriormente incorporouse tamén Luis, un dos primeiros pais que se implicou activamente na vida do club e que, segundo lembra Jose, resultou de enorme axuda durante os primeiros anos.
Aos poucos foise formando unha pequena familia ao redor do BMB.
Crecer desde cero
Durante aquela primeira andaina, o club chegou contado con equipos infantil, cadete e xuvenil.
O crecemento non consistía unicamente en formar equipos ou disputar partidos. Para os responsables do club, unha das maiores satisfaccións estaba en ver a evolución dos propios nenos e nenas. Aqueles xogadores que chegaban sen apenas coñecementos de baloncesto, algúns sen saber sequera botar correctamente un balón, e que aos poucos aprendían, competían e, sobre todo, desfrutaban formando parte dun equipo.
Xunto ao deporte chegaron tamén as amizades, os torneos de verán e Nadal, as viaxes e os recibimentos noutros pavillóns.
O baloncesto converteuse nun punto de encontro para xogadores, familias, adestradores e directivos.
O salto á competición federada
Un dos pasos máis importantes daquela primeira etapa foi conseguir competir na liga Federada Galega cun equipo infantil.
Os resultados non chegaron inmediatamente.
Pero precisamente por iso, un dos recordos máis emotivos daquela primeira andaina foi a primeira vitoria federada do club, conseguida no último partido daquela primeira experiencia.
Despois dunha tempada complicada, aquela vitoria viviuse como unha auténtica festa.
Non era simplemente gañar un partido: era comprobar que todo o traballo realizado desde aqueles primeiros adestramentos comezaba a dar os seus froitos.
2019: o BMB estaba a coller impulso
2019 foi o mellor ano daquela primeira etapa.
O equipo cadete competía a bo nivel e o club empezaba a funcionar cunha dinámica cada vez máis estable.
Pero os mellores recordos daquela tempada non son unicamente deportivos. Moitas fins de semana, xogadores e familias desprazábanse xuntos para ver partidos do Obradoiro, creando unha convivencia que transcendía os propios adestramentos e competicións do BMB.
O club estaba a coller velocidade.
Xusto antes da pandemia, a sensación era de que “todo ía rodando, fluíndo”.
Foi precisamente nese momento cando todo se detivo.
A pandemia e un parón que rompeu a cadea
A chegada da COVID-19 obrigou a interromper a actividade.
E o impacto foi moito máis profundo que deixar de adestrar durante uns meses.
Os xogadores de maior idade foron terminando a súa etapa, algúns se marcharon fóra para continuar os seus estudos e o club non dispoñía entón dunha base suficientemente ampla de nenos e nenas máis pequenos que permitise reconstruír os equipos.
A cadea rompeuse.
Ao mesmo tempo, os pais que iniciaran o proxecto estaban desgastados despois de varios anos de traballo e, como tantas outras familias durante a pandemia, as prioridades pasaron a ser outras.
Foron anos de incerteza nos que había cuestións privados e familiares moito máis importantes que sacar adiante un club deportivo.
Jose Collazo continuaba vinculado ao BMB, pero afrontar en solitario a recuperación do proxecto resultaba demasiado complicado.
Durante un tempo, o baloncesto do BMB quedou parado.
Pero o club seguía existindo.
Verán de 2022: unha conversación que o cambiou todo
A segunda andaina do BMB comezou case por casualidade.
No verán de 2022, Jose Collazo coincidiu con Rubén Vega e faloulle da historia do club e da situación na que se atopaba.
Rubén coñecía moi ben o mundo do baloncesto. A súa traxectoria leváralle desde a súa etapa como xogador, pasando por experiencias formativas en estruturas como a canteira do FC Barcelona ou o Club Ourense Baloncesto, ata continuar posteriormente vinculado ao ensino e á formación dentro do baloncesto galego.
E a súa resposta foi clara: había que recuperar o BMB.
Insistiu tanto en volver poñer o proxecto en marcha que terminou ofrecéndose voluntariamente para colaborar como adestrador e axudar tamén na captación de novos nenos e nenas.
Foi a pequena faísca que faltaba.
O novo comezo
Despois daquela conversación, José enviou unha mensaxe ao grupo no que varias persoas da comarca quedaban habitualmente para xogar ao baloncesto.
A proposta era directa: facía falta unha nova directiva para recuperar o club.
Responderon Saúl Díaz, Tomás Riádos, Jorge Martínez, Diego Simoes, Óscar González e Iván Rodríguez.
Jose Collazo decidiu acompañalos durante o inicio desta nova etapa, asumindo a presidencia para axudar a unha directiva máis nova e sen experiencia previa na xestión do club.
En aproximadamente dúas semanas, o BMB estaba de novo en marcha.
Era unha estrutura moi diferente á primeira. Xa non nacía fundamentalmente dun grupo de pais dos propios xogadores. De feito, entre aqueles novos directivos unicamente Óscar era pai dun neno do club.
O que os unía esta vez era directamente o baloncesto e as ganas de que o proxecto volvese existir.
2022/23: volver ás pistas
A segunda andaina comezou oficialmente en setembro de 2022.
Ao redor de 15 nenos e nenas comezaron a adestrar novamente no pavillón do IES A Sangriña.
Aquela primeira tempada non había présa por competir.
O principal era recuperar o contacto co baloncesto, conseguir que os pequenos desfrutasen e empezar novamente a construír unha base.
Rubén Vega asumiu inicialmente os adestramentos e o traballo de captación.
Uns cinco meses despois, por motivos laborais, tivo que deixar a actividade diaria do club.
Foi entón cando se incorporou Mauro Rodríguez, actual adestrador do BMB, dando continuidade ao traballo iniciado durante aqueles primeiros meses.
2023/24: o club comeza a crecer
Na tempada 2023/24, o número de xogadores achegábase xa aos 25.
O BMB puido formar un equipo de minibasket e comezou a participar na liga Escolar Val Miñor, cun formato de concentración aproximadamente unha vez ao mes.
Foi un primeiro paso cara á recuperación da competición.
Durante esta etapa incorporouse tamén Fran Álvarez como adestrador, formando xunto a Mauro a parella que acompañaría o crecemento deportivo do club.
A metade daquela tempada produciuse ademais outro dos grandes momentos da segunda andaina: o acordo de patrocinio con ORPAGU.
A súa chegada permitiu dar un importante paso na consolidación da imaxe do BMB e estrear os equipamentos de xogo co patrocinador principal.
Posteriormente, durante o verán de 2024, o club ampliaría tamén a súa identidade cunha pequena liña de merchandising con suadoiros, mochilas, gorras e bidóns.
2024/25: o salto á liga Basketgal
O crecemento continuou durante a tempada 2024/25, alcanzando aproximadamente os 31 xogadores e xogadoras.
Despois da experiencia na liga Escolar Val Miñor, chegou o momento de asumir un novo reto, regresar á liga Basketgal, xa organizada por Rosi e coa colaboración dos centros e clubs participantes.
A competición implicaba agora partidos aproximadamente cada quince días.
Era un paso natural, pero tamén un compromiso moito maior para as familias.
Diego Simoes desempeñou un papel importante á hora de falar cos pais e nais, e convencelos de que o club estaba preparado para dar ese salto.
O resultado foi unha tempada con representación en varias categorías:
Preminibasket: terceiro posto.
Minibasket: terceiro posto.
BMB White, infantil 3×3: campión.
BMB Black, infantil 3×3: terceiro posto.
Aquela tempada incorporouse tamén á Xunta Directiva Cintia Domínguez, nai dun dos xogadores do club.
Un paso ao lado de Jose Collazo
En xaneiro de 2025 produciuse tamén un cambio importante a nivel institucional.
Jose Collazo deixou a presidencia e Jorge Martínez asumiu o cargo.
Non se tratou dunha ruptura, senón da evolución natural do proxecto.
Jose permaneceu na directiva como vogal e como conselleiro do club, achegando a experiencia acumulada desde aqueles primeiros pasos de 2016 e axudando á nova xeración a continuar construíndo o BMB.
Na nova estrutura, Saúl Díaz exerce como secretario, Óscar González segue como tesoureiro e Tomás Riádos, Diego Simoes, Iván Rodríguez, Cintia Domínguez e o propio José Collazo forman parte da directiva como vogais.
Dentro do traballo diario, Diego foi asumindo ademais un papel especialmente activo na coordinación e impulso do club, mentres Iván converteuse, entre outras funcións, nunha das principais persoas detrás da organización do Torneo 3×3 Vila dá Guarda.
2025/26: o regreso á competición federada
A tempada 2025/26 marcou outro punto de inflexión.
Durante esta tempada, Veraleza sumouse tamén apoiando de xeito destacado o Campus de verán do club.
O club achegábase xa aos 40 xogadores e xogadoras.
Tres anos despois de empezar practicamente desde cero, o BMB estaba preparado para regresar á competición federada.
O equipo minibasket deu o salto á liga da Federación Galega de Baloncesto.
Pero ao mesmo tempo xurdiu outro reto.
O BMB contaba con catro xogadores infantís con moitas ganas de competir, pero insuficientes para formar un equipo propio.
Foi aquí onde unha relación creada precisamente grazas ao baloncesto abriu unha nova porta.
Sauces-BMB: competir sumando
Durante a participación do BMB na liga Basketgal, Diego Simoes coñecera a Kopy e ambos estableceran unha moi boa relación.
Kopy xa axudara a Diego durante os trámites necesarios para incorporar ao minibasket do BMB á competición federada.
Ao coñecer que o club tiña unicamente catro infantís, propuxo unha solución.
O equipo dos Sauces, con nove xogadores, tamén adoitaba afrontar as convocatorias cun persoal bastante axustado.
Por que non unir forzas?
Así naceu o Sauces-BMB, formado por nove xogadores dos Sauces e catro do Baixo Miño Basket.
Máis que unha solución puntual, aquela colaboración mostrou outra das posibilidades do crecemento do club: establecer relacións con outras entidades e traballar conxuntamente para que ningún neno con ganas de xogar quede sen competir.
Unha historia que continúa
A segunda andaina tamén fixo que o BMB creza fora das ligas.
Torneos, actividades escolares, campus, 3×3 e accións abertas á localidade foron converténdose progresivamente noutra parte importante do proxecto.
Jose Collazo, que viviu desde dentro as dúas andainas do club, resume probablemente mellor que ninguén o que significa todo este camiño: “O máis especial non son necesariamente as clasificacións ou as vitorias, é ver chegar a un neno ou unha nena sen saber practicamente botar un balón e comprobar anos despois todo o que foi capaz de aprender, mentres fai amizades e crece cos valores dun deporte de equipo.”
Para el existe ademais un recordo especialmente privado: ver ao seu propio fillo, pertencente á primeira canteira do BMB, chegar posteriormente a competir en liga provincial e seguir dicindo con orgullo que viña do C.B. Baixo Miño Basket.
O obxectivo continúa sendo o mesmo que moveu a aqueles primeiros pais en 2016: ofrecer oportunidades para xogar ao baloncesto na Guarda e axudar a que este deporte siga crecendo no Baixo Miño.
