Durante décadas, falar das posicións no baloncesto era falar de cinco papeis moi definidos. O base organizaba, o escolta anotaba, o aleiro facía un pouco de todo, o ala-pivote achegaba forza preto da zona e o pivote dominaba baixo os taboleiros. De aí procede unha numeración que aínda utilizamos continuamente: 1, 2, 3, 4 e 5.
Pero o baloncesto cambiou.
As posicións tradicionais non desapareceron e continúan sendo moi útiles para comprender o xogo, especialmente durante a formación. Porén, no baloncesto moderno importa cada vez menos que posición aparece ao lado do nome dun xogador e moito máis que é capaz de facer sobre a pista. Un pivote pode organizar o ataque, un ala-pivote pode vivir na liña de tres, un aleiro pode subir o balón e un base pode ser o principal anotador.
Como chegamos ata aquí?
As cinco posicións tradicionais
Base — Point Guard
O base foi tradicionalmente o cerebro do equipo. Normalmente é o xogador encargado de recibir o balón e subilo desde campo defensivo, organizar o resto do equipo e decidir que xogada executar. Entre as súas funcións habituais están controlar o ritmo do partido, dirixir o ataque, manexar o balón e crear oportunidades para os seus compañeiros. Máis que anotar moitos puntos, historicamente agardábase dun bo base que soubese ler o que estaba acontecendo na cancha.



Escolta — Shooting Guard
O escolta foi tradicionalmente un dos principais anotadores exteriores. Adoita destacar pola súa capacidade de lanzamento desde media e longa distancia e polo seu movemento sen balón para atopar espazos desde os que recibir e lanzar. Tamén pode axudar ao base na creación e asumir responsabilidades defensivas fronte aos xogadores exteriores rivais.



Aleiro — Small Forward
O aleiro sempre foi unha das posicións máis versátiles. Combina características dos xogadores exteriores con algunhas propias dos interiores: pode penetrar, lanzar desde fóra, axudar no rebote e defender xogadores de diferentes tamaños. Por iso, moito antes de falar de positionless basketball, os aleiros xa representaban en certa maneira esa idea dun xogador capaz de facer varias cousas.



Ala-pivote — Power Forward
Tradicionalmente, o ala-pivote xogaba preto da zona, aínda que cunha maior mobilidade que o pivote. Entre as súas funcións estaban loitar polos rebotes, colocar bloqueos, xogar preto da canastra e aproveitar lanzamentos a media distancia. Foi precisamente unha das posicións que máis cambiou coa evolución do baloncesto.



Pivote — Center
O pivote era tradicionalmente o xogador máis alto e forte do equipo. O seu territorio natural estaba arredor da canastra: rebotes, tapóns, protección do aro, xogo de costas e finalizacións a curta distancia. Durante décadas, atopar un xogador moi alto nas categorías de formación significaba case automaticamente: “Ti, de pivote”.



Hoxe esa maneira de entender a formación está cambiando.
Das posicións ás habilidades
Aínda que seguimos falando do “1”, do “4” ou do “5”, as fronteiras entre estas posicións son cada vez menos claras.
A expansión do lanzamento de tres puntos, o aumento do espazo en ataque, a velocidade do xogo e unhas defensas que cambian constantemente tras os bloqueos favoreceron a aparición de xogadores capaces de asumir varias funcións. é o que coñecemos como Positionless Basketball, ou baloncesto sen posicións. Non significa que os cinco xogadores teñan que facer exactamente o mesmo.
Significa que as responsabilidades xa non dependen exclusivamente da altura ou da posición tradicional dun xogador.
Os novos roles híbridos
Point Forward: o alerio que organiza
O Point Forward é un aleiro capaz de asumir as tarefas dun base, subir o balón e organizar o ataque. LeBron James é un dos grandes exemplos desta figura.



Combo Guard: entre base e escolta
O Combo Guard combina creación e anotación: pode exercer como base ou escolta segundo o momento do partido.



Strech 4: o ala-pivote que abre a pista
O Stretch 4 levou o ala-pivote ata o perímetro. A súa capacidade para lanzar de tres obriga ao defensor interior a afastarse da canastra e abre espazos para os seus compañeiros.



O pivote moderno
O pivote moderno pode facer moito máis que xogar de costas ao aro. Nikola Jokić é probablemente o exemplo máis evidente: Denver constrúe gran parte do seu ataque arredor dun xogador de 2,11 metros que pasa e organiza desde o poste alto como un auténtico creador de xogo. Victor Wembanyama representa outro extremo desta evolución, combinando unha altura extraordinaria con manexo de balón, lanzamento exterior, mobilidade e protección do aro.



Por que cambiou o xogo?
Unha das claves é o spacing, ou ocupación dos espazos.
Se os cinco xogadores poden ser perigosos lonxe da canastra, a defensa ten que abrirse. E canto máis se abre, máis corredores aparecen para penetrar ou cortar cara ao aro.
A máxima expresión desta idea é o 5-Out, cun ataque que coloca inicialmente os cinco xogadores fóra da zona para liberar o espazo interior.
En defensa produciuse unha evolución paralela. Os equipos cambian cada vez máis as asignacións nos bloqueos, o chamado switching, polo que resulta moi valioso contar con xogadores suficientemente rápidos para defender exteriores e suficientemente fortes ou longos para competir contra rivais máis grandes.
Unha revolución construída durante anos
O baloncesto moderno non naceu nun único equipo. Foi unha evolución progresiva na que varias xeracións achegaron ideas diferentes.
Os Phoenix Suns de Mike D’Antoni e Steve Nash popularizaron a mediados dos anos 2000 o Seven Seconds or Less: correr, ocupar rapidamente os espazos e atacar antes de que a defensa estivese organizada.
EXEMPLOOs Miami Heat de LeBron James, Dwyane Wade e Chris Bosh avanzaron cara a un equipo no que as etiquetas tradicionais importaban cada vez menos. Erik Spoelstra chegou a abandonar en gran medida a estrutura ríxida do 1 ao 5 para aproveitar xogadores capaces de realizar múltiples funcións.
EXEMPLOOs Golden State Warriors levaron a fórmula aínda máis lonxe. Stephen Curry e Klay Thompson ampliaron o espazo que debía defender o rival, mentres Draymond Green podía exercer como interior nun quinteto pequeno capaz de botar, pasar, lanzar e cambiar defensivamente.
EXEMPLOOs San Antonio Spurs de 2014 demostraron o poder do movemento de balón e xogadores, mentres os Houston Rockets acabarían levando anos despois o small-ball ao extremo, xogando mesmo sen un pivote tradicional.
EXEMPLO SPURS EXEMPLO ROCKETSCamiños distintos que acabaron influíndo no baloncesto actual.
Hoxe importa máis o que sabes facer
A consecuencia desta evolución é clara tamén na formación. Un xogador alto non debería aprender unicamente movementos no poste, necesita aprender a botar, pasar, lanzar, comprender os bloqueos, moverse sen balón e defender lonxe da canastra e un xogador pequeno tampouco debería limitarse a subir o balón debe aprender a finalizar, lanzar, cortar e defender. Non se trata de formar cinco xogadores iguais, trátase de formar cinco xogadores capaces de comprender o xogo.
Que se busca actualmente nos xogadores novos?
As condicións físicas seguen sendo importantes, pero a altura xa non se observa de maneira illada. Valóranse tamén:
- Envergadura.
- Coordinación.
- Mobilidade lateral.
- Velocidade.
- Salto.
- Capacidade de desenvolvemento físico.
No apartado técnico, cobran cada vez máis valor habilidades universais:
- Manexo de balón.
- Pase.
- Toma de decisións.
- Mecánica de tiro.
- Finalizacións.
- Movemento sen balón.
- Defensa individual.
Non significa que un xogador novo teña que ser xa un gran lanzador de tres.
En formación importa tamén a súa proxección e capacidade de aprendizaxe e probablemente unha das ferramentas máis importantes sexa a comprensión do xogo.
- Ver un compañeiro liberado.
- Identificar unha vantaxe.
- Saber cando atacar ou cando pasar.
- Tomar boas decisións baixo presión.
Porque o baloncesto moderno necesita xogadores con mentalidade, que non só executen movementos: necesita xogadores que entendan por que os executan.
A iso únense aspectos como a actitude, o esforzo, a reacción ante os erros, a comunicación, a constancia e a capacidade para aceptar indicacións e aprender: o que habitualmente se denomina coachability.
Entón… desapareceron as posicións?
Non.
Seguiremos falando de base, escolta, aleiro, ala-pivote e pivote. Seguiremos dicindo 1, 2, 3, 4 e 5. Son referencias moi útiles para ensinar e comprender o baloncesto. O que cambiou é que unha posición xa non debería converterse nunha gaiola para un xogador.
- O base pode xogar sen balón.
- O pivote pode pasar.
- O ala-pivote pode lanzar de tres.
- O aleiro pode organizar.
- O escolta pode crear para os demais.
Porque o baloncesto moderno non elimina as posicións. Amplía todo o que un xogador pode facer desde elas.
