O Centro Cultural da Guarda acolleu o pasado 25 de xullo a novena edición do Torneo 3×3 Vila da Guarda, organizado polo C.B. Baixo Miño Basket.
A cita reuniu a 29 xogadores e xogadoras, con idades comprendidas entre os 16 e os 56 anos, distribuídos en seis equipos procedentes do Baixo Miño, Vigo, Cangas, Lugo e Portugal.
Durante toda a mañá, o baloncesto compartiu protagonismo co concurso de triplas, os sorteos, as actividades para os máis pequenos, a barra e a sesión vermú amenizada por Dr. Flaming.
A principal novidade desta edición foi a concentración de toda a programación entre as 9.00 e as 14.00 horas, unha fórmula que xa fora presentada na información previa do torneo como unha aposta por un formato máis dinámico e cómodo para participantes e público.
Aínda que a participación foi inferior á da edición anterior, o novo horario permitiu desenvolver unha competición moi fluída, cun ritmo continuo de partidos e un gran ambiente tanto nas pistas como nas bancadas.

Tres meses de preparación
A organización do torneo comezou aproximadamente tres meses antes da súa celebración.
A directiva do C.B. Baixo Miño Basket encargouse de coordinar as inscricións, os permisos, o seguro, os árbitros, os oficiais de mesa, os patrocinadores, os premios, a barra, os sorteos e a programación musical.
As inscricións realizáronse a través dun formulario en liña e o pagamento formalizouse mediante transferencia bancaria. Aos participantes solicitóuselles tamén o DNI para completar a documentación necesaria.
O Concello da Guarda facilitou a utilización do exterior do Centro Cultural, mentres que o club contratou o correspondente seguro para o desenvolvemento da actividade.
Un dos aspectos que máis traballo requiriu foi concretar as subvencións e colaboracións necesarias para financiar o torneo. Tamén foi preciso preparar con antelación o regulamento, os horarios, os cadros de competición, os premios, os sorteos, a barra e todo o material necesario para delimitar e acondicionar as pistas.
A coincidencia coa celebración do 25 de xullo condicionou a participación. A previsión inicial situábase entre oito e doce equipos, pero finalmente foron seis os inscritos, fronte aos once da pasada edición.
Porén, esta participación máis reducida tamén facilitou o desenvolvemento da xornada e permitiu que os xogadores gozasen dun número elevado de partidos durante unha única mañá.
O apoio imprescindible de patrocinadores e colaboradores
A celebración do IX Torneo 3×3 Vila da Guarda non sería posible sen o apoio das institucións, empresas e comercios que colaboraron co club.
ORPAGU, patrocinador principal do C.B. Baixo Miño Basket, volveu estar presente nun dos eventos máis importantes da tempada. A entidade participou tamén na entrega de premios a través do seu presidente, Joaquín Cadilla, e da súa xerente, Juana Parada.
O torneo contou ademais cun importante apoio económico ou materiales do comercio local e de distintas empresas da contorna:
Arena Grande, Bar A la Vista, As Pozas, Chévere, Wakame, O Cangrexal, Casa Valladeiro, Gutterkel, Carnicería Villa, Portalmatic, Casa Chupa Ovos, Petiscos e Tapas, Gula Taberna, Muebles Suso, Prelo, Nutribambú, Your English Corner, Nova Life, Master, Royfe, Tres Sentidos, Trasmallo, La Lacena, O Carreiro e Morales
Estas achegas permitiron afrontar os gastos derivados da organización, dos premios, do material, da arbitraxe e das distintas actividades programadas.
O Concello da Guarda colaborou coa cesión e o acceso ás instalacións do Centro Cultural, a colocación das redes das canastras, os baños portátiles, os valos para delimitar os campos e as tomas de electricidade necesarias.
A Xunta de Galicia colaborou coa cobertura dos árbitros e oficiais da Federación Galega de Baloncesto, mentres que a Deputación de Pontevedra fixo posible a entrega das camisetas oficiais do torneo.
Disramo colaborou cos produtos destinados á barra e Dr. Flaming encargouse de poñer o broche musical á xornada.
A cobertura fotográfica e audiovisual foi realizada por Cristina Puertas, en representación das redes sociais do club e por Nicolás, de Fotograma30.
O apoio conxunto de todas estas entidades, empresas e persoas permitiu que o torneo continuase medrando como unha cita deportiva, social e festiva do verán guardés.
Seis equipos e participantes de diferentes procedencias
Os seis equipos participantes foron:
Los Toros, con catro xogadores.

Concilio de Elrond, con cinco xogadores.

Los Novios, con cinco xogadores.

Los Amigos de Emi, con cinco xogadores.

NBAD A Garda, con cinco xogadores.

Basket Mil Birras, con cinco xogadores.

Todos os equipos inscritos acudiron á cita e puideron disputar a competición con normalidade.
A diversidade de procedencias e idades foi unha das características máis destacadas desta edición. Xogadores habituais, afeccionados e grupos de amigos compartiron as pistas nun ambiente competitivo, pero tamén próximo e deportivo.
Un formato dinámico con liguiña, play-in e eliminatorias
O torneo disputouse en dúas pistas e comezou cunha liguiña de todos contra todos.
Os partidos tiñan unha duración máxima de dez minutos e tamén podían finalizar cando un equipo alcanzaba os 21 puntos. As canastras anotadas desde o interior da liña valían un punto, mentres que os lanzamentos exteriores sumaban dous.
En caso de empate, disputábase un tempo extra no que vencía o primeiro equipo que conseguise anotar dous puntos.
Os dous primeiros clasificados da liguiña accederon directamente ás semifinais. Os outros catro equipos tiveron que disputar unha rolda de play-in para conseguir as dúas prazas restantes.
Deste modo, todos os participantes puideron disputar varios encontros, mentres que os equipos que avanzaron nas eliminatorias acumularon un maior número de partidos.
A arbitraxe e as mesas estiveron cubertas por persoal da Federación Galega de Baloncesto, garantindo un desenvolvemento profesional e ordenado da competición. As normas foran enviadas previamente aos equipos e non se produciu ningunha reclamación ou incidencia deportiva relevante.
Unha mañá intensa desde primeira hora
A maior parte do material quedou preparado durante a xornada anterior. O día do torneo, a organización chegou ao Centro Cultural entre as 7.30 e as 8.00 horas para completar a montaxe antes da chegada dos equipos.
Os participantes comezaron a presentarse arredor das 9.00 horas e os primeiros encontros iniciáronse entre as 9.20 e as 9.30.
Desde o comezo, os partidos sucedéronse cun ritmo continuo. A ausencia do antigo parón do mediodía contribuíu a crear unha competición máis áxil, mantendo a atención dos equipos e do público durante toda a mañá.
O tempo tamén acompañou. A temperatura foi agradable e permitiu disputar os encontros sen a calor excesiva habitual das actividades celebradas no mes de xullo.
As bancadas estiveron practicamente cheas, cun público moi implicado que animou os equipos e celebrou cada canastra.






Unha tripla sobre a bucina e un play-in cheo de emoción
Un dos momentos máis emocionantes produciuse no encontro de play-in entre Concilio de Elrond e NBAD A Garda.
Nos últimos segundos, NBAD A Garda anotou unha tripla sobre a bucina que igualou o marcador e levou o partido ao tempo extra.
Na prórroga, NBAD conseguiu anotar o primeiro punto, quedando moi preto da clasificación. Porén, Concilio de Elrond reaccionou e converteu os dous puntos necesarios para remontar e conseguir o pase ás semifinais.
Foi unha das accións máis celebradas da mañá e un exemplo da emoción que ofrece o formato 3×3, no que un partido pode cambiar por completo nunha única posesión.
Durante o desenvolvemento do evento tamén houbo pequenos imprevistos organizativos. Algúns produtos da barra e determinados premios non estaban inicialmente no recinto, polo que unha das persoas voluntarias tivo que desprazarse en coche para recollelos. A situación resolveuse rapidamente e non afectou ao ritmo da competición.
Revive o torneo nas nosas redes
Revive o IX Torneo 3×3 Vila da Guarda
Nas historias destacadas do noso Instagram podes recuperar os partidos, o concurso de triplas, os sorteos, a entrega de premios e os mellores momentos dunha intensa mañá de baloncesto.
Ver o torneo en Instagram
Los Novios dominan a liguiña
A clasificación da primeira fase quedou establecida do seguinte xeito:
1º Los Novios
2º Los Amigos de Emi
3º Los Toros
4º Concilio de Elrond
5º NBAD A Garda
6º Basket Mil Birras
Los Novios e Los Amigos de Emi conseguiron o pase directo ás semifinais, mentres que os demais equipos tiveron que disputar o play-in.
Nesta fase, Los Toros superaron por 10-3 a Basket Mil Birras e Concilio de Elrond venceu por 6-5 a NBAD A Garda.
Los Novios e Los Amigos de Emi acadan a final
Na primeira semifinal, Los Novios impuxéronse por 7-4 a Concilio de Elrond.
Na segunda, Los Amigos de Emi venceron por 8-6 a Los Toros, conseguindo a segunda praza para disputar o título.
Antes da final celebrouse tamén o encontro polo terceiro e cuarto posto. Concilio de Elrond pechou a súa participación cunha clara vitoria por 9-1 ante Los Toros, completando así o podio.
Los Novios, campións da novena edición
A gran final enfrontou os dous equipos que xa ocuparan as primeiras posicións da liguiña: Los Novios e Los Amigos de Emi.
Los Novios confirmaron a súa boa actuación durante toda a mañá e proclamáronse campións tras vencer por 9-4.
A clasificación final do podio quedou formada por:
1º Los Novios

2º Los Amigos de Emi

3º Concilio de Elrond

Os tres primeiros equipos recibiron trofeos e medallas como recoñecemento á súa actuación.
A entrega de premios contou coa presenza do alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e do concelleiro de Deportes, Celso Rodríguez.
En representación de ORPAGU acudiron o seu presidente, Joaquín Cadilla, e a xerente da entidade, Juana Parada.
Por parte do C.B. Baixo Miño Basket participaron na entrega o presidente, Jorge, e o secretario, Saúl.
Concurso de triplas e Tripla do Espectador
O tradicional concurso de triplas contou con arredor de 25 participantes e desenvolveuse en dúas partes.
A fase inicial celebrouse despois da liguiña, mentres que a final tivo lugar unha vez rematada a rolda de play-in. O vento dificultou algúns lanzamentos, engadindo unha dificultade adicional á proba.
O gañador recibiu un trofeo elaborado por O Paliqueiro e un lote de produtos ORPAGU Calidade.
Antes da gran final, o público tamén tivo a oportunidade de entrar en xogo coa celebración da Tripla do Espectador.
O gañador desta actividade recibiu unha mochila do BMB como premio.

Sorteos para participantes e público
Durante toda a mañá vendéronse rifas para participar nos diferentes sorteos organizados polo club.
Entre os premios sorteados atopábanse:
Seis mochilas do BMB.
Sete gorras do BMB.
Cinco camiseta oficiais do torneo.
Dous meses de clases en Your English Corner.
Dous almorzos en La Lacena.
Dúas roscas da Confitería Rogelio.
Unha cea para dúas persoas en O Carreiro.
Unha cea para dúas persoas no Restaurante Trasmallo.
Os sorteos estaban abertos tanto aos xogadores como ao público. Algúns premios puideron entregarse durante o propio torneo, mentres que os restantes serán recollidos nas datas anunciadas polo club.
A primeira xornada de recollida celebrarase o 6 de agosto, de 19.00 a 21.00 horas, no Auditorio de San Benito. Tamén se poderán retirar os días 17, 19, 24 e 26 de agosto no pavillón do IES A Sangriña, accedendo pola rúa Vigo.


Actividades para os máis pequenos
O torneo tamén reservou un espazo para os nenos e nenas que acudiron como público.
O adestrador do club, Mauro, foi o encargado de organizar diferentes xogos relacionados co baloncesto, permitindo que os máis pequenos puidesen baixar á pista e participar na xornada.
Estas actividades contribuíron a que o evento non se limitase á competición adulta e mantivese o seu carácter familiar e aberto a todas as idades.

A barra, punto de encontro durante a mañá
Durante o evento permaneceu aberta unha barra na que se ofreceron auga, café, refrescos, cervexa, vermú, empanadillas e ecovasos.
Ana foi a responsable de atendela durante toda a xornada, contando coa colaboración de Disramo no subministro de produtos.
A cervexa foi o produto con maior demanda, especialmente ao achegarse o final da competición e o inicio da sesión vermú.
A barra converteuse nun punto de encontro para participantes e público entre partido e partido, contribuíndo tamén á recadación de fondos para as actividades do club.
Dr. Flaming pon o broche de ouro
Tras a entrega de premios, Dr. Flaming subiu ao escenario para pechar a xornada cunha sesión vermú.
A música foi moi ben recibida polos equipos e polo público. Aproximadamente a metade dos asistentes permaneceu no recinto para gozar da actuación, e varios xogadores remataron a mañá bailando diante do escenario.
A combinación de baloncesto e música funcionou especialmente ben como peche do torneo. Por este motivo, a organización valora repetir este formato en futuras edicións.


Un equipo de persoas voluntarias detrás do torneo
O desenvolvemento do evento foi posible grazas ao traballo da directiva e das persoas voluntarias.
Ademais de Ana na barra e de Cristina na cobertura audiovisual do club, colaboraron Carlos, Álex, Iria, Fran, Mauro e Rober.
Todos eles participaron en diferentes tarefas: montaxe e desmontaxe, recepción dos equipos, anotación de resultados, sorteos, procura de material, atención de incidencias, limpeza e recollida final.
Tamén colaborou Nicolás, de Fotograma30, un fotógrafo de 15 anos que realizou a súa propia cobertura do torneo e publicou contido en colaboración coas redes sociais do club.
A implicación de todas estas persoas foi fundamental para que a competición puidese desenvolverse con continuidade desde primeira hora da mañá.
Un balance positivo e a mirada posta na décima edición
A valoración xeral do IX Torneo 3×3 Vila da Guarda é moi positiva.
Aínda que a participación se reduciu de once equipos na pasada edición a seis nesta ocasión, o torneo desenvolveuse con moita fluidez e recibiu unha valoración favorable tanto dos xogadores como do público.
O formato integramente matinal foi un dos grandes acertos. Ao eliminar o parón do mediodía, mantívose o ritmo da competición e facilitouse a participación dos equipos e asistentes.
A principal mellora de cara a futuras edicións será comezar a comunicación e promoción do torneo con maior antelación. Nesta ocasión, a difusión principal concentrouse durante o último mes, polo que o club traballará para anunciar a décima edición con máis tempo.
O BMB xa pensa no futuro do torneo. Unha das posibilidades que se estudará será organizar unha competición vinculada ao ranking da Federación Galega de Baloncesto, quizais mediante un formato dobre que combine un torneo de carácter amateur con outro de maior nivel competitivo.
A décima edición será unha oportunidade para seguir facendo medrar unha actividade que xa forma parte do calendario deportivo e social do verán guardés.
Grazas por facer posible o IX Torneo 3×3 Vila da Guarda
Desde o C.B. Baixo Miño Basket queremos agradecer a participación dos seis equipos e dos 29 xogadores e xogadoras que compartiron esta novena edición.
Grazas ao público que encheu as bancadas, animou cada partido e participou nos sorteos, na Tripla do Espectador e nas actividades da xornada.
Grazas ao Concello da Guarda, á Xunta de Galicia, á Deputación de Pontevedra e a ORPAGU polo seu apoio institucional, material e económico.
Grazas a Arena Grande, Bar A la Vista, As Pozas, Chévere, Wakame, O Cangrexal, Casa Valladeiro, Gutterkel, Carnicería Villa, Portalmatic, Casa Chupa Ovos, Petiscos e Tapas, Gula Taberna, Muebles Suso, Prelo, Nutribambú, Your English Corner, Nova Life, Master, Royfe, Tres Sentidos, Trasmallo, La Lacena, O Carreiro e Morales por confiar no evento e apoiar o traballo do club.
Grazas a O Paliqueiro, Confitería Rogelio, Disramo e ao resto de entidades e comercios que colaboraron cos trofeos, os premios, os sorteos e a barra.
Grazas á Federación Galega de Baloncesto, aos árbitros e aos oficiais de mesa polo seu traballo e profesionalidade.
Grazas a Dr. Flaming por poñer música ao peche dunha intensa mañá de baloncesto.
Grazas a Nicolás, de Fotograma30, e a Cris por conservar en fotografías e vídeos os mellores momentos da xornada.
E, especialmente, grazas á directiva e a todas as persoas voluntarias que dedicaron o seu tempo á montaxe, á barra, aos sorteos, ás actividades, á atención dos equipos e á recollida final.
O IX Torneo 3×3 Vila da Guarda xa forma parte da nosa historia. Agora comezamos a preparar unha décima edición á altura de todas as persoas que fixestes posible chegar ata aquí.
